Saturday 20 de April de 2024

A ilusionista Fani Triana inaugura este domingo a quinta edición do Festimaxia de Lousame co show “Igualdade, onde estás’”


A novidade deste ano será un obradoiro de igualdade, impartido por O Compás do Barbanza, como actividade complementaria á maxia
A quinta edición do Festimaxia de Lousame contará coa participación de tres prestixiosos magos: Fani Triana, Mago Teto e Dani García, que encherán de maxia e bo humor a casa da cultura “Santeiros de Chave” durante os tres próximos domingos. Como en anteriores edicións, a entrada será libre e de balde, se ben polos protocolos anticovid o aforo será máis limitado e haberá que reservar a entrada chamando ao 981 82 57 80.
A ilusionista Fani Triana, que pechara na primeira edición do Festimaxia de Lousame, será a encargada de abrir a edición de 2020 con “Igualdade, onde estás?”, un espectáculo en defensa da igualdade de xénero a través da maxia. Así, a protagonista do espectáculo será Esperanza Marzal, unha muller nada un 8 de marzo de 1975 que desexa que no século XXI as mulleres poidan ir tranquilas pola rúa, acadar os mesmos postos de traballo que calquera persoa, acabar con todo tipo de violencia de xénero… E, como ve que esa igualdade aínda non é real, irá á súa procura utilizando a maxia e o humor.
Así, este domingo 15 de novembro, ás 18:00 horas, Fani Triana ofrecerá en Lousame un espectáculo cheo de ilusións con cordas, cartas, evasións… e moito humor e participación do público para tentar expoñer non só as desigualdades cotiás e históricas entre os homes e as mulleres, senón tamén a importancia de erradicalas traballando en ámbitos como a educación ou a cultura.
Obradoiro de igualdade
Previamente, ás 17:00 horas, terá lugar unha actividade complementaria: un obradoiro de igualdade impartido por O Compás do Barbanza. A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explica que “o obradoiro terá unha duración duns trinta minutos e o propoñemos como unha actividade complementaria ao espectáculo de Fani Triana, polo que todos os nenos e nenas que asistan levarán un agasallo relacionado coa maxia”.
Para participar no obradoiro so é preciso reservar entrada chamando ao 981 82 57 80, aínda que non é obrigatorio participar nel para poder asistir ao espectáculo de maxia. De feito, de ter moita demanda, o Concello de Lousame programaría máis sesións deste obradoiro coincidindo coas outras dúas actuacións do Festimaxia.
Espectáculos

Outro que volverá a Lousame será o Mago Teto, que o domingo 22 de novembro, ás 18:00 horas, traerá novamente o seu premiado espectáculo “Alquimia”, unha actuación que o propio mago define como “unha fusión do teatro e as artes escénicas coa maxia” e que xa estivo incluída na cuarta edición do Festimaxia de Lousame.
“O ano pasado quedou moita xente sen poder asistir a este espectáculo por falta de aforo polo que decidimos volver a traelo e chamar a eses veciños e veciñas para darlles a oportunidade de desfrutar desta actuación”, explica Silvia Agrafojo. “Alquimia” é un espectáculo dirixido a un público familiar, a partir dos 7 anos, no que o Mago Teto experimenta con auga, terra, lume e aire na busca da pedra filosofal.
Finalmente, o domingo 29 de novembro, tamén ás 18:00 horas, o mago Dani García pechará o V Festimaxia Lousame coa súa primeira actuación no municipio. O ilusionista porá sobre o escenario da Casa da Cultura lousamiá o seu espectáculo “Don Gelai”, unha actuación que mestura maxia e humor coa participación activa de todas as persoas que asistan, xa que se trata dun espectáculo familiar.